A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, prevé que a Estratexia Lugo Transforma lanzada polo seu Goberno sexa capaz de atraer e consolidar pequenas e medianas empresas que xeren un alto impacto social e ambiental no municipio nun prazo menor de 5 anos. Este é o obxectivo que se establece no prego de prescricións técnicas, que mañá aprobará a Xunta de Goberno Local, para iniciar o proceso de licitación dun servizo de intermediación financeira que xestionará este fondo municipal de capital risco de 12 millóns de euros, “o que nos permitirá crear riqueza e postos de traballo no municipio con vistas á recuperación trala pandemia”, sostivo.
A rexedora aseverou que con este fondo emprendedor, “Lugo se dota dunha ferramenta propia moi poderosa na que investiremos a maior contía da historia da cidade co fin de impulsar e diversificar o noso tecido empresarial e produtivo”, o que permitirá que a cidade resista novas crises con máis fortalezas, xa que os dous principais sectores económicos da cidade, comercio e hostalaría, foron os que máis se resentiron coa emerxencia sanitaria. “Non podemos pechar este ano tan complicado de mellor forma, xerando oportunidades para os nosos fillos e fillas, para o futuro da nosa cidade”, afirmou.
Os prazos marcados polo Concello para desenvolver a estratexia será de dez anos, ata o 30 de xuño do 2031, que “é a duración que establece para estes instrumentos financeiros o ‘mecanismo de coinversión’ do regulamento europeo segundo a realidade do mercado, que incide en que, tras un período inicial de investimento, que poder ser de 3 a 5 anos, se require un tempo de maduración ou consolidación e posterior desinvestimento de outros 4-8 anos. Polo tanto, o prego técnico axústase a este prazo de tempo indicativo”, incidiu a alcaldesa.
Neste período establécense tres fases: a da constitución do fondo unha vez adxudicada á xestora do mesmo, e a súa inscrición no Rexistro da Comisión Nacional de Valores, que terá unha duración de 6 meses, ampliable a outros dous; unha fase de investimento nos proxectos e a súa consolidación, que finalizará en decembro do 2025, data a partir da cal a xestora non poderá realizar desembolsos a empresas destinatarias finais, e a última fase, na que as empresas participadas comezarán a devolver o capital municipal investido.
“O primeiro logro a acadar pola intermediaria é investir en iniciativas empresariais – nos 12 primeiros meses da segunda fase – un volume mínimo de un millón de euros e, o non facelo será causa de resolución do contrato”, aclarou a alcaldesa, que engadiu, ademais, que co fin de garantir a maior diversificación da carteira do fondo, a entrada de capital en cada proxecto non poderá superar en ningún caso o 10% do patrimonio do mesmo.
Estratexia acorde co Lugo verde e sostible
Para iso, o prego de condicións valorará a estratexia de investimento que presenten as posibles adxudicatarias e que deberá recoller, entre outros parámetros, a identificación dos sectores empresariais, das fases de desenvolvemento e un análise de mercado obxectivo. Así mesmo, incluirá un estudo das porcentaxes xerais de participación de máximos e mínimos do mantemento dos investimentos e as fórmulas previstas de desinvestimento, detallará as políticas previstas de captación de fondos privados e presentará un estudo sobre o impacto socioeconómico en Lugo e unha memoria xustificativa da estratexia para xerar oportunidades e garantir un máximo nivel de absorción do fondo. Avaliarase tamén a estrutura de organización, gobernanza e control e supervisión, externa e interna, por parte do intermediario financeiro, de xeito que se garanta a execución do contrato segundo criterios de transparencia, formalidade e consistencia.
Lara Méndez lembrou que a estratexia “deberá seguir as pautas do que queremos que sexa Lugo nun futuro, a curto e medio prazo, mediante a toma de participación naqueles sectores que para nós son estratéxicos xa que o crecemento económico do municipio debe estar acorde co modelo de cidade á vangarda, innovadora, verde e sostible que estamos a crear”.
Os proxectos nos que se traballarán deberán estar relacionados coas enerxías limpas, a tecnoloxía, biotecnoloxía, farmacia, servizos avanzados á industria, biocombustibles, produción agroalimentaria sostible, loxística intelixente e sector espacial e aeronáutico, entre outros. Estas empresas non deberán ter unha antigüidade superior aos 7 anos desde a súa constitución e o seu domicilio social ou centro operativo principal deberá estar no municipio.
Non serán financiables aquelas iniciativas vinculadas aos sectores financeiros e inmobiliario, produtos de tabaco e bebidas alcohólicas destiladas, produción e compra de armas e municións; casinos e empresas equivalentes. Tampouco as do sector TIC que estean relacionadas cos ámbitos citados, así como cos xogos de azar en liña e a pornografía. En canto ao sector ciencia da vida, non entran nesta estratexia as investigacións sobre clonación humana ou organismos modificados xeneticamente.
Todos os proxectos deberán ser considerados innovadores, é dicir, que poidan demostrar que promoverán produtos, servizos ou procesos novos ou mellorados de xeito substancial, e que os seus custos de investigación e desenvolvemento representen un mínimo do 10% do total dos seus gastos de explotación.
Lara Méndez destacou que o fondo emprendedor estará aberto á entrada de participación tanto pública como privada, ben en todo o fondo ou ben en calidade de coinvestidores en proxectos concretos. “O presidente Feijóo xa amosou a súa vontade política de participar, e a xestora incluirá, ademais, entre os seus cometidos, a captación tamén de investimentos”.
No caso do capital privado que se adhira ao fondo, deberá facelo coa contía mínima dun millón de euros. Tamén a entidade xestora do mesmo aportará un mínimo de 120.000 euros “porque consideramos que compartir con recursos propios unha parte do risco garante que os seus intereses estean en consonancia cos do Concello”, comentou a alcaldesa.
Xestora con solvencia técnica
Ademais de ter en conta o desenvolvemento destas fases, as entidades que se presenten ao proceso de contratación deberán acreditar que dispoñen de equipos técnicos con dilatada experiencia en capital risco. Para iso, pídeselles que parte do seus integrantes participasen con anterioridade noutras empresas de capital risco ou de incubadoras de ‘star ups’, así como que teñan realizado un mínimo de quince operacións de capital risco nos últimos cinco anos.
Segundo destacou a rexedora de Lugo, “requirímoslles esta ampla solvencia porque a mesma permitirá acurtar o tempo de arranque da actividade e da execución de operacións, que é clave para acadar o máximo nivel de investimento do fondo sen perder calidade no seu desenvolvemento”.
O Concello tamén lle esixira á xestora gañadora que o seu domicilio social e/ou centro operativo principal, actual ou futuro, estea en Lugo, e que todos os gastos e investimentos que desenvolva sexan na súa integridade no municipio.
A empresa adxudicataria reportará un informe trimestral de todas as operacións, e estará obrigada a crear dous comités co fin de garantir o bo funcionamento do fondo e dos obxectivos perseguidos:
1.- Comité de Investimento, no que terá presenza o Concello de Lugo en calidade de observador, no que se analizarán as políticas de investimento e desinvestimento e se aprobarán ou denegarán os proxectos onde entrar co capital e realizará un seguimento das operacións desenvolvidas.
2.- Comité de seguimento e control, no que tamén terá presenza o Concello, que actuará como presidente, e ao que poderán pertencer os partícipes do fondo que o soliciten, sempre que teñan compromisos de investimento iguais ou superiores ao 10% do patrimonio total comprometido en cada momento.
A participación do Concello terá como fin velar polo cumprimento dos fins do contrato, e terá sempre a capacidade de rexeitar as iniciativas se considera que non van en consonancia co establecido no prego.
Ademais, a alcaldesa anunciou que, tras presentar aos portavoces dos grupos políticos da Corporación os pregos do Lugo Transforma en dúas reunións, a última onte pola tarde, se creará unha una comisión informativa para darlles conta dos avances da estratexia.
O prego de condicións deste servizo de intermediación financeira terá un custo máximo de 2,4 millóns de euros. Esta cantidade irase abonando de xeito trimestral previo informe da xestora no que reflicta os gastos de persoal e de estrutura, así como as comisións básicas e de resultados (reguladas pola normativa europea) e a comisión de éxito, calculada esta última en función dos beneficios do fondo, e que non superará un máximo do 20% dos rendementos.
A alcaldesa incidiu en que “gran parte do éxito da Estratexia Lugo Transforma dependerá do bo facer e da solvencia do servizo de intermediación financeira, de aí a importancia deste prego de condicións realizado polos técnicos municipais, aos que quero agradecer a súa implicación e a súa profesionalidade, e en especial a área de intervención. Como ven – concluíu – o obxectivo da Estratexia Lugo Transforma é ambiciosa xa que busca diversificar a nosa economía nun prazo aproximado de 5 anos, que é o que a economía de mercado establece para a consolidación de novas iniciativas”.