Lugo Transforma é unha estratexia pioneira en Galicia no ámbito municipal, coa que se están a mobilizar 13 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade de Lugo, atraer empresas, talento e crear emprego sostible.
A Estratexia Lugo Transforma, impulsada desde Alcaldía do Concello de Lugo, articulase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto positivo na sociedade e medioambiente.
O Concello aposta por este tipo de fondos de emprendemento, que son moi apoiados no ámbito da Unión Europea porque, por unha banda, permítelle ás empresas o acceso ao financiamento de iniciativas que terían dificultades para acudir a recursos de fontes financeiras tradicionais e, por outra, pola rendibilidade xerada e a súa contribución ao crecemento económico xa que as empresas participadas son as que en maior medida melloran a súa solvencia e capacidade para obter financiamento privado, presentan un maior rigor na súa xestión, invisten máis en I+D+I e crean máis emprego de calidade.
Esta estratexia, que mobiliza 12 millóns de euros de recursos municipais e un millón máis de capital privado, segue as pautas do modelo de cidade sostible e á vangarda da economía verde e circular, amigable e acolledora, pero tamén moderna, innovadora e tecnolóxica.
Por iso, os proxectos deberán estar relacionados coas enerxías limpas, a tecnoloxía, biotecnoloxía, farmacia, servizos avanzados á industria, biocombustibles, produción agroalimentaria sostible, loxística intelixente e sector espacial e aeronáutico…. Estas empresas non deberán ter unha antigüidade superior aos 7 anos desde a súa constitución e o seu domicilio social ou centro operativo principal deberá estar no municipio de Lugo.
Todos os proxectos deberán ser considerados innovadores, é dicir, que poidan demostrar que promoverán produtos, servizos ou procesos novos ou mellorados de xeito substancial, e que os seus custos de investigación e desenvolvemento representen un mínimo do 10% do total dos seus gastos de explotación.