Lugo Transforma

A firma catalana Techaway muda a súa sede a Lugo atraída polo fondo emprendedor municipal Lugo Transforma

A startup, que ofrece soporte para a xestión empresarial dende unha plataforma online, recibirá un investimento de 500.000 € en dúas fases de financiación.

A compañía aspira a multiplicar por 6 o seu cadro de persoal contratando a 20 persoas con perfís, entre outros, de enxeñeiro de software, mercadontecnia e desenvolvemento de negocio.

A rexedora, Lara Méndez, considera que a súa aterraxe na capital axudará a situar ao municipio como un polo de atracción para o emprendemento tecnolóxico.

Ademais, buscará a colaboración con centros de ensino para fomentar a innovación e con entidades locais para axudalas nos seus procesos de dixitalización.

Fontes

Gabinete de Prensa

Temas

Economía, Desenvolvemento Local, Emprego

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer esta mañá á cuarta das empresas que contará co financiamento da Estratexia Lugo Transforma. Unha iniciativa pioneira posta en marcha durante a pandemia por impulso da rexedora co obxectivo de favorecer a diversificación industrial do municipio tomando como base a creación de emprego de calidade e estable.

Acompañada polo Conselleiro Delegado de Torsa Capital, Jesús Torres e pola analista Marta Baltar, alén do Interventor municipal, Manuel Vázquez, Lara Méndez deu a benvida a Techaway como outra das beneficiarias deste fondo emprendedor.

“Trátase dunha startup enfocada a desenvolver negocios innovadores e disruptivos que ofrece unha proposta para resolver a xestión do IT dos postos de traballo (hardware, software, soporte e control) de todo tipo de empresas, de xeito que lles propón un servizo dixital, sen desprazamentos, mediante unha plataforma online que asiste todos os procesos das empresas como o mantemento, a asistencia, as altas ou baixas, etc, para que a súa xestión sexa fácil e eficiente e estas poidan centrarse na súa actividade sen ter que preocuparse da xestión informática”, explicou.

A mandataria lucense puxo en valor o feito de que a sostibilidade forme parte do ADN da compañía, “o que vai en consonancia coas liñas de actuación determinadas dende o Concello e que son, tamén, eixe vertebrador do Fondo, xa que logo promove a redución do desperdicio electrónico e a reciclaxe”.

Así, a rexedora deu conta de que todos os dispositivos de Techaway teñen unha primeira vida útil (de até 36 meses) ao final da cal se lles proporciona unha segunda vida en ámbitos menos esixentes, como o mercado doméstico ou educativo e, cando o dispositivo é inservible, garanten, alén, a súa reciclaxe.

Méndez fixo fincapé, igualmente, en que, o acompañamento que se realiza a través do Lugo Transforma, do que recibirá medio millón de euros – a razón dunha primeira achega de 300.000 euros xa materializada para ampliación de capital e outra posterior de 200.000 €, suxeita a obtención de fitos – se destinará á adquisición de talento, captación de clientes e mercadotecnia.

“Ademais, ese investimento servirá tamén para que Techaway afronte o fortalecemento da compañía, multiplicando por 6 o persoal actual para alcanzar, en 2025, un cadro de 30 persoas, para o que agarda contratar en torno a 20 profesionais nos vindeiros anos, fundamentalmente perfís comerciais, tecnolóxicos e de atención ao cliente, entre outros, aínda que os primeiros en incorporarse serán para ocupar posicións de desenvolvemento de negocio e de enxeñeiro de software”, debullou a alcaldesa.

“Para nós é unha satisfacción o firme desexo que ten esta startup de contribuír a situar a Lugo como un polo de atracción para o emprendemento tecnolóxico, un destino para nómadas dixitais e un referente en circularidade e sustentabilidade tecnolóxica. De maneira que tamén se dispón a explorar a colaboración con universidades e institutos de formación locais para fomentar a educación e a innovación, así como a establecer lazos con entidades locais ás que axudarán nos seus procesos de dixitalización”, avanzou Méndez.

”Damos, por tanto, a benvida a Techaway a este fondo Lugo Transforma,  que unha vez máis amosa a súa razón de ser como polo de atracción para que empresas innovadoras e á vangarda, creadas ou que xorden noutros lugares, se asenten en Lugo converténdonos nun referente para a captación de talento”.

A este respecto, Mónica Fernández – fundadora – e Alaitz Blanquer – COO – de Techaway agradeceron o apoio do Concello e relataron as facilidades e toda a colaboración que recibiron para decantarse por implantar a súa sede na cidade fronte a outras ofertas, ao tempo que incidiron na súa vontade de acadar con isto que o emprendemento dixital se disperse polo territorio, de xeito que a posibilidade de facelo en Lugo foi unha alegría”, dixeron.

Tamén neste mesmo sentido, Jesús Torres, de Torsa Capital, destacou que a evolución das tres empresas xa en carteira “manteñen boa saúde e están tendo unha evolución moi positiva, en liña co proxectado” e adiantou que, “nestes momentos, se están a avaliar outros 34 proxectos, estando moi avanzados tres ou catro cuxas propostas de investimento agardamos poder presentar no próximo Comité previsto para o último trimestre do ano, co fin de rematar o 2023 cunha decena de empresas xa incorporadas ao fondo”, afirmou.

Antes de concluír, a rexedora lucense subliñou, unha vez máis, a transcendencia de que a estratexia se vaia consolidando “non podemos perder de vista que Lugo Transforma xurdiu nun momento moi complexo no que as redes de colaboración público – privada resultaron esenciais para contrarrestar o decaemento inversor por parte da iniciativa privada e, por tanto, este fondo de capital risco está chamado a ser un berce de oportunidades para as vindeiras xeracións e para o conxunto do municipio tamén dende un punto de vista territorial”, asegurou Lara Méndez.

O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo – que mobilizou 12 millóns de euros – e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanán e Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación de Techaway | Descargar mp3
  • O conselleiro delegado de Torsa Capital, Jesús Torres, sobre a presentación de Techaway | Descargar mp3
  • A fundadora, Mónica Fernández, sobre a presentación de Techaway | Descargar mp3