Lugo Transforma

Lugo Transforma incorpora unha nova empresa lucense especializada en biotecnoloxía e terapias avanzadas

A compañía centra a súa actividade na extracción e aplicación de exosomas con uso clínico, veterinario e alimentario, e prevé crear 6 empregos directos e 24 indirectos en Lugo.

A nova participada nace da alianza entre AMSlab e NASAS Biotech, dúas empresas galegas de referencia no sector da investigación e a saúde.

Miguel Fernández subliñou que “NEXOTECH representa todo o que queremos impulsar desde Lugo Transforma: ciencia, talento, emprego cualificado e un compromiso firme co desenvolvemento sostible da nosa cidade.”

Fontes

Gabinete de Prensa

Temas

Economía, Desenvolvemento Local, Emprego

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentou esta mañá a incorporación de NEXOTECH ao fondo municipal Lugo Transforma, nun acto celebrado na Casa do Concello xunto aos responsables da empresa, Eladio Crego e Marcos Engroba, e aos representantes de Torsa Capital, Jesús Torres, conselleiro delegado, e Jorge Leiro, analista de investimentos.

Trátase da primeira empresa biotecnolóxica participada polo fondo, especializada na extracción de exosomas, vesículas extracelulares con alto potencial terapéutico e diagnóstico.

NEXOTECH naceu en 2022 como resultado da colaboración entre AMSlab, grupo lucense de referencia en control de calidade e análises, e NASAS Biotech, spin-off da investigación sanitaria galega con sede na Coruña. A empresa traballa no desenvolvemento de produtos e servizos con aplicación en ámbitos como a biopsia líquida, os tratamentos inmunomoduladores, a medicina rexenerativa ou os probióticos de nova xeración.

Segundo explicou o rexedor, “NEXOTECH representa todo o que queremos impulsar desde Lugo Transforma: ciencia, talento, emprego cualificado e un compromiso firme co desenvolvemento sostible da nosa cidade. Ademais, exemplifica o tipo de sinerxías que buscamos promover entre empresas locais e proxectos innovadores do ecosistema galego. Este é o Lugo que queremos: ambicioso, conectado e preparado para liderar sectores estratéxicos como o biotech.”

O fondo destina 400.000 euros a esta operación, divididos en 200.000 euros de achega directa en capital e outros 200.000 a través dun préstamo participativo convertible. Con esta inversión, a compañía consolidará a súa sede en Rúa do Vidro e prevé crear 6 empregos directos e 24 indirectos, xerados a través de sinerxías locais nos ámbitos da distribución, a loxística e os servizos auxiliares.

Durante o acto, o CEO de Torsa Capital, Jesús Torres; destacou que “presentar NEXOTECH non é presentar unha empresa máis, porque vai moito máis alá dun plan de negocio: supón unha contribución directa á mellora da saúde e da calidade de vida das persoas, que conecta de maneira especial cos principios fundacionais do fondo.” Torres recoñeceu tamén a dificultade de incorporar proxectos biotecnolóxicos a fondos de capital risco “polo seu elevado risco en etapas iniciais”, e puxo en valor “a solvencia e o respaldo que achegan AMSlab e NASAS Biotech, claves para poder estruturar esta operación.” Con esta nova incorporación, son xa 10 as empresas que forman parte do portfolio, e “o fondo encamiñase a superar os 5 millóns de euros investidos, grazas a varias operacións que xa foron aprobadas polo Comité de Investimentos e que están actualmente en curso, o que reflicte a consolidación progresiva da súa actividade.”

Desde a xestora do fondo, Jorge Leiro salientou que “Dende a xestora estamos encantados de incorporar a Nexotech, compañía lucense, surxida da colaboración de dúas startups de éxito (unha delas tamén lucense) como a primeira compañía do sector biotech en formar parte do fondo Lugo Transforma. Galicia é un referente a nivel nacional do sector. Por poñelo en cifras, entre 2018-2022 foi a segunda CCAA —só por detrás de Cataluña— en crecemento do número de empresas biotecnolóxicas. En 2023 creou o 13% das empresas biotech nacidas en toda España, cunha facturación media por compañía de 9,5 millóns de euros e máis de 1.200 empregos directos na rexión. Ademais, estímase un crecemento anual composto de preto do 30% nos vindeiros anos. Con todo isto, creemos que Nexotech é un bo representante do sector para o fondo, e con elo, apuntalamos a nosa estratexia de diversificación sectorial.”

Desde a empresa, Eladio Crego agradeceu o apoio recibido e explicou que “NEXOTECH nace coa vontade de achegar novas ferramentas de soporte ao diagnóstico clínico, combinando coñecemento e tecnoloxía desde unha visión internacional.” Segundo detallou, “traballamos xa para levar os nosos produtos a países como Estados Unidos, Israel ou Alemaña, e agradecemos o apoio tanto do Concello como de Torsa Capital no proceso de análise e investimento.”