Lugo Transforma

Lugo Transforma incorpora unha firma innovadora que aposta pola dixitalización e a economía circular no sector do alugueiro de maquinaria industrial

Equipzilla, S.L. é o primeiro marketplace estatal no alugueiro de maquinaria industrial e materiais de construción, conectando usuarios e provedores para optimizar custos e tempos de xestión.

A compañía trasladará a súa sede a Lugo e xerará 58 postos de traballo directos en cinco anos, cun investimento de 400.000 euros do fondo municipal que permitirá potenciar o seu crecemento e consolidación.

Paula Alvarellos destacou que “Proxectos como Equipzilla demostran o impacto positivo da innovación aplicada á economía circular, impulsando a modernización dun sector tradicional e reforzando o compromiso de Lugo coa sostibilidade e a creación de emprego de calidade”.

Con esta incorporación, Lugo Transforma suma 9 empresas participadas e un investimento total materializado de 2.610.000 euros tras analizar 90 proxectos.

Fontes

Gabinete de Prensa

Temas

Economía, Desarrollo Local, Empleo

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presentou esta mañá Equipzilla, S.L. como nova beneficiaria do fondo Lugo Transforma. Este fondo, impulsado polo Executivo local, busca diversificar o tecido industrial do municipio e promover a creación de emprego de calidade, fomentando proxectos innovadores e sostibles. No acto tamén participaron Andrés Pla, CEO de Equipzilla, e Jorge Leiro, analista de investimentos de Torsa Capital.

Fundada en 2020 en Barcelona por Andrés Pla, Equipzilla é o primeiro marketplace español especializado no alugueiro de maquinaria industrial e materiais de construción. A súa plataforma dixital conecta usuarios e provedores, permitindo aforros significativos de tempo e custos grazas á centralización de información sobre prezos e dispoñibilidade.

A compañía tamén desenvolveu un SaaS (Software as a Service) que monitoriza equipos en tempo real, integrando a súa xestión con sistemas ERP e CRM. Este servizo facilita tanto o control operativo como a eficiencia para os alugadores. Ademais, Equipzilla destaca pola súa aposta polo “retrofit”, o reacondicionamento de maquinaria, que prolonga a vida útil dos equipos e reduce as emisións de CO2, fomentando a sostibilidade e a economía circular.

Segundo destacou Paula Alvarellos, “proxectos como o de Equipzilla representan unha aposta decidida pola transformación tecnolóxica e pola sostibilidade, principios que guían o futuro que queremos para Lugo. Este tipo de iniciativas contribúen non só ao desenvolvemento económico local, senón tamén a consolidar un modelo produtivo máis verde e eficiente.”

O sector do alugueiro de maquinaria industrial, no que opera Equipzilla, está formado por aproximadamente 3.700 empresas, cunha facturación anual conxunta superior aos 3.500 millóns de euros. Nos últimos anos, este sector consolidado mostrou un crecemento anual sostido, impulsado pola demanda en sectores como a construción, a industria e os eventos. Espérase que esta tendencia se manteña cunha taxa de crecemento anual composta superior ao 5% ata 2029.

Equipzilla, coa súa alianza estratéxica con GAM España, líder no sector, aposta pola dixitalización como ferramenta clave para afrontar os retos do sector, mellorando a eficiencia na xestión de flotas e reducindo custos para os usuarios finais.

O fondo Lugo Transforma destinou un investimento de 400.000 euros á incorporación de Equipzilla, dirixido a desenvolver novos produtos, mellorar as accións de marketing, expandir a súa capacidade comercial e contratar novo persoal. “Este proxecto exemplifica perfectamente como Lugo Transforma actúa como un motor para atraer talento e impulsar proxectos innovadores que reforzan a nosa economía local, permitindo ás empresas consolidarse e contribuír á creación dun tecido industrial máis forte e diversificado,” afirmou Paula Alvarellos.

Jorge Leiro, analista de Torsa Capital, destacou que  a incorporación de Equipzilla supón para o Fondo o fortalecemento dunha das estratexias de xestión máis básicas que é a diversificación sectorial. Nunca tivemos ata o de agora un marketplace no Fondo, menos nun nicho tan concreto, nun vertical tan concreto como é o de maquinaria industrial. Isto facilita tamén reducir un dos riscos máis significativos que é o risco de concentración. Equipzilla  é o socio ideal para levar a cabo uno dos retos máis importantes que ten o sector, que é precisamente a dixitalización e o aproveitamento das novas tecnoloxías”.

Por último, o CEO de Equipzilla, Andrés Pla, expresou o seu agradecemento polo apoio recibido e destacou que “o investimento en Lugo permítenos consolidar un centro de operacións aquí, na cidade, e onde esperamos captar o persoal, sobre todo de programadores, de frontends, de backends, de xente que nos axude no desenvolvemento tecnolóxico, poder facela crecer na cidade”.

Sobre Lugo Transforma

O Fondo Lugo Transforma, impulsado polo Concello de Lugo cunha achega inicial de 12 millóns de euros, busca diversificar o tecido produtivo local, fomentar a creación de emprego de calidade e atraer proxectos sostibles que promovan a fixación de poboación. Ata a data, presentáronse un total de 90 proxectos ao fondo, dos que 13 se atopan en fase de análise ou seguimento. Con 2.610.000 euros materializados en 9 empresas participadas, o fondo ten contribuído á creación de preto de 250 postos de traballo directos no municipio. Estas empresas inclúen LexDigo, Innogando, InVerbis, Techaway, Boldest, Monkey Markets, DosDog, Himikode Tech e, agora, Equipzilla.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a empresa Equipzilla, S.L | Descargar mp3
  • O analista de Torsa Capital, Jorge Leiro, sobre a empresa Equipzilla, S.L | Descargar mp3
  • O CEO de Equipzilla, Andrés Pla | Descargar mp3