A inversión será de 300.000 euros nesta compañía galega especializada en consultoría e formación en materia de aviación con drons (vehículos aéreos non tripulados).
Fernández: “Cada empresa que se incorpora é unha oportunidade máis para diversificar a nosa economía e facer de Lugo unha cidade atractiva para emprender e innovar”.
Instalados a carón do Pazo de Feiras e Congresos, contan actualmente cunha plantilla de 15 empleados que esperan escalar con 30 empregos directos hasta 2029.
Gabinete de Prensa
Economía, Desenvolvemento Local, Emprego
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, anunciou esta mañá a incorporación da empresa Vig Sec Drone, S.L. ao fondo de investimento público-privado Lugo Transforma, elevando a once o número total de compañías participadas e superando os 3,4 millóns de euros investidos.
A empresa, fundada no ano 2019 en A Lama (Pontevedra), está especializada na consultoría e formación en aviación con drons, e desenvolveu ACRE, un innovador software de xestión do espazo aéreo en situacións de emerxencia que permite a coordinación simultánea de drons e helicópteros, unha tarefa ata agora practicamente imposible por cuestións de seguridade.
O rexedor, que estivo acompañado por Rubén Gil, CEO da empresa e Noelia Gil, co fundadora e CFO, así como por Jorge Leiro analista de inversións de Torsa Capital, entidade xestora do fondo, destacou a importancia estratéxica desta incorporación para o tecido produtivo da cidade.
“Este é o tipo de proxectos que queremos atraer con Lugo Transforma: empresas que innovan, que xeran emprego e que teñen un impacto na sociedade”, explicou. “Vig Sec Drone prevé crear 30 empregos directos na nosa cidade antes de 2029, axudando a que Lugo medre con proxectos sólidos e de futuro”.
A empresa xa se atopa instalada na rúa do Palomar, nas inmediacións do Pazo de Feiras e Congresos, e actualmente conta cun equipo de 15 persoas. A previsión de crecemento da compañía está aliñada co propio sector, que estima un crecemento anual composto (CAGR) do 7% ata 2029.
O investimento por parte do fondo Lugo Transforma é de 300.000 euros en capital, dentro dunha rolda total de financiamento de 600.000 euros, que permitirá á empresa ampliar os seus equipos operativos e técnicos.
“Cada empresa que se incorpora ao fondo é unha oportunidade máis para diversificar a economía local e facer de Lugo unha cidade atractiva para emprender e innovar”, engadiu o alcalde. “Estamos demostrando que este modelo funciona e que Lugo é un lugar onde se pode crecer”.
Vig Sec Drone foi apoiada previamente por entidades como GAIN, ENISA, VIAGALICIA ou a incubadora aeroespacial BF AERO, impulsada pola Xunta de Galicia e con sede tamén en Lugo.
Con esta nova participación, o fondo Lugo Transforma consolídase como ferramenta activa de atracción de investimento e creación de emprego de calidade, apostando por sectores clave como o aeroespacial, a biotecnoloxía, a sostibilidade ou a transformación dixital.