A empresa tecnolóxica con sede en Lugo capta 1,4 millóns de euros nunha nova rolda de financiamento liderada polo fondo municipal e o Fondo Bolsa Social.
Desde a súa 1ª participación no fondo en 2023, na que se investiron 300.000 euros, a empresa pasou de 11 a 30 traballadores, e captou máis de 2M€ en financiamento inducido.
Miguel Fernández: “Este é un caso claro de como o Lugo Transforma está a consolidar e facer medrar aquelas empresas que xa apostaron e se instalaron no noso municipio”.
Gabinete de Prensa
Economía, Desenvolvemento Local, Emprego
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, anunciou este martes unha nova operación no marco da estratexia Lugo Transforma. O fondo público-privado acometerá unha segunda inversión na empresa lucense Innogando S.L., unha das primeiras compañías participadas desde a súa creación. Esta nova achega ascende a 400.000 euros, e forma parte dunha rolda de financiamento total de 1.400.000 euros, na que participa tamén o Fondo Bolsa Social, con un millón de euros.
“O obxectivo é acelerar a expansión comercial e a internacionalización da empresa, especializada no desenvolvemento de tecnoloxía para o sector agrogandeiro”, explicou o rexedor. O seu produto principal é RUMI, un collar intelixente que permite monitorizar o gando en tempo real, detectando celos, partos, cambios de comportamento ou rumia, mediante unha app conectada e autosuficiente, alimentada con enerxía solar. Actualmente contan con máis de 1.200 clientes e máis de 25.000 colares vendidos.
Neste senso, Miguel Fernández, destacou que esta nova operación demostra a capacidade do fondo para acompañar proxectos no tempo: “Innogando é un caso claro de como Lugo Transforma non só serve para atraer empresas, senón tamén para consolidar e facer medrar aquelas que xa apostaron polo noso municipio. Hoxe reforzamos a confianza nun proxecto sólido, con base tecnolóxica e cun impacto directo no sector primario”.
Desde a súa primeira participación no fondo en 2023, na que se investiron 300.000 euros, a empresa pasou de 11 a 30 traballadores, captou máis de 2 millóns de euros en financiamento inducido, desenvolveu proxectos de I+D+i por valor de case 400.000 euros e conseguiu diferentes premios e recoñecementos como os Premios Emprende XXI de Caixabank, o Venture on the Road de Banco Sabadell ou formar parte do Top 101 Spain Up Nation.
En abril de 2024, a cooperativa gandeira COVAP (Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches), a máis grande do Estado, entrou no seu capital como socio estratéxico cunha inversión de 455.000 euros.
“Estamos a falar dunha empresa nacida no rural galego, que se asentou en Lugo grazas ao fondo, e que hoxe está vendendo en toda España e prepara a súa expansión fóra do país. Proxectos coma este demostran que desde Lugo tamén se pode innovar no agro e crear emprego de calidade”, engadiu Fernández.
Con esta nova achega, o fondo Lugo Transforma eleva o volume total investido ata os 3.860.000 euros, consolidando o seu papel como ferramenta de apoio ao tecido produtivo da cidade.
Neste senso, Jesús Torres, conselleiro delegado de Torsa Capital, entidade xestora do fondo, explicou que “esta inversión vai a permitir a internacionalización dunha empresa chamada a ser lider no sector a escala global e, ademais, terá un impacto directo no seu entorno, no medio rural, non só polas ferramentas e melloras que está achegando aos gandeiros, senón tamén pola xeración de emprego que está levando a cabo”.
Finalmente, Elio López, fundador e CEO de Innogando agradeceu o apoio recibido e destacou que “esta nova financiación vainos permitir expandirnos internacionalmente e de forma ordenada naqueles lugares nos que xa temos presencia como é Estados Unidos, Irlanda, Portugal, Australia, Uruguay, Arxentina e Venezuela, estando tamén na folla de ruta incrementar a nosa actividade no mercado norteamericano”.