O fondo municipal analiza operacións por un importe conxunto de 1,2 millóns de euros para continuar fortalecendo o tecido produtivo lucense.
O fondo suma xa 10 empresas participadas, máis de 3,1 millóns de euros investidos e 35 novos empregos creados en Lugo.
Miguel Fernández salienta que “estamos poñendo as bases dun novo modelo económico para Lugo, máis sostible, innovador e centrado na creación de emprego de calidade”.
Gabinete de Prensa
Economía, Desarrollo Local, Empleo
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, participou esta mañá na reunión do Comité de Investimentos do fondo Lugo Transforma, celebrada na sede de El Progreso, unha das empresas partícipes da iniciativa. Na xuntanza avaliáronse dous novos proxectos empresariais e a ampliación de investimento nunha das compañías xa participadas, por un importe total de 1.200.000 euros.
Segundo explicou o rexedor, “a nosa prioridade é seguir captando iniciativas innovadoras e sostibles que contribúan a diversificar o modelo produtivo da cidade e a xerar emprego de calidade. Este fondo é unha ferramenta útil que está a dar resultados e que seguirá medrando da man das empresas locais que o apoian”.
O primeiro dos proxectos expostos presenta unha plataforma dixital pioneira para a reserva de espazos de carga en voos comerciais, mentres que o segundo propón un dispositivo avanzado de detección temperá de incendios, con aplicacións tanto no ámbito forestal como industrial.
Ademais, a empresa xestora do fondo, Torsa Capital, propuxo a ampliación de capital nunha das participadas actuais, Innogando, co obxectivo de consolidar a súa fase de expansión trala consecución de varios fitos operativos.
Miguel Fernández puxo en valor o impacto que Lugo Transforma está a ter sobre o ecosistema económico local. “Estamos poñendo as bases dun novo modelo económico para Lugo, máis sostible, innovador e centrado na creación de emprego de calidade”, afirmou.
Desde a súa posta en marcha, Lugo Transforma recibiu 92 propostas empresariais, das cales 13 permanecen en seguimento ou análise por parte do equipo técnico. Das dez empresas actualmente participadas, cinco foron creadas en Lugo e as outras cinco trasladaron a súa sede ao municipio trala incorporación ao fondo. En total, o investimento materializado ascende a 3.110.000 euros e xa se teñen creado 35 novos empregos na cidade.
As compañías participadas ata o momento son: LexDigo, Innogando, InVerbis, Techaway, Boldest, Monkey Markets, DosDog, Himikode Tech, Equipzilla e unha décima participada que será anunciada proximamente. Trátase de iniciativas vencelladas a sectores como a intelixencia artificial, a saúde, a enerxía, a alimentación sostible ou a dixitalización industrial, con capacidade de crecemento e vocación de consolidación na cidade.
O comité contou coa participación de representantes das empresas partícipes: Alibós, Candelas, Dmanán, El Progreso, Grupo Arenal, Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez e Torsa Capital.