Lugo Transforma

O Concello de Lugo avalía a entrada no accionario de 4 empresas que innovan para modernizar o sector agroalimentario e xurídico

Lara Méndez presidiu o primeiro Comité de Investimentos da estratexia municipal Lugo Transforma, onde concello e empresas privadas únense para impulsar emprego sostible.

Tras a presentación das propostas, estúdase a súa viabilidade. De avanzar, suporía un investimento do Fondo de máis dun millón de euros e a creación de 80 postos de traballo.

A rexedora valorou de maneira moi positiva a xuntanza: “Queremos reter e atraer talento a Lugo, crear riqueza e dar oportunidades laborais á veciñanza, e imos polo bo camiño”.

O Comité volverase a xuntar tras o verán para seguir traballando na transformación económica de Lugo estudando os 37 proxectos empresariais presentados até agora.

Mércores, 27 de xullo de 2022

Fontes

Gabinete de Prensa

Temas

Desenvolvemento social, Desenvolvemento local, Desenvolvemento económico, Economía, Comercio

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Lugo Transforma

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu hoxe o primeiro Comité de Investimentos da estratexia municipal Lugo Transforma, impulsada polo Concello para consolidar e captar empresas e crear emprego sostible na cidade, no que se presentaron os primeiros catro proxectos innovadores que buscan apoio económico. Tras a presentación de hoxe, estudarase a súa viabilidade que, de avanzar, suporía un investimento do Fondo de máis dun millón de euros e a creación de 80 novos postos de traballo.

As empresas presentaron os seus proxectos aos membros do Comité de Investimentos, formado polo Concello de Lugo, que mobiliza nesta estratexia 12 millóns de euros, e as empresas que apostaron por colaborar coa iniciativa municipal de creación de emprego aportando un millón de euros máis: Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso e Dmanán, así como Torsa Capital, que é, ademais, a xestora do fondo municipal.

A xestora do Lugo Transforma analiza xa as condicións destas catro propostas empresarias co fin de estudar a viabilidade da entrada do fondo municipal no seu accionariado, ademais de darlle apoio e asesoramento no proceso de consolidación.

A Alcaldesa valorou moi positivamente os proxectos. “En Lugo queremos reter e atraer talento, crear riqueza apoiando ás empresas vinculadas co modelo de cidade sostible na que traballamos e dar oportunidades laborais á veciñanza, e o altísimo nivel que hoxe vimos neste primeiro Comité de Investimentos indícanos que imos polo bo camiño”, sostivo.

Transformación económica

Méndez avanzou, ademais, que tras o mes de agosto se volverá a convocar ao Comité para seguir analizando as propostas presentadas até agora ao fondo inversor, 37, aínda que lembrou que o fondo aterrará sobre máis de 50 empresas de alto valor engadido, tanto de pequenas como medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental.

Extrapolando resultados de experiencias similares, se agarda que produza unha creación de máis de mil postos de traballo directos e até o triplo de empregos indirectos, xerando un investimento inducido que superará os 60 millóns de euros por parte das empresas neste tempo.

“Avanzamos nos prazos que nos marcamos para materializar esta transformación económica na cidade, máis necesaria que nunca, provocando un cambio que é sinónimo de oportunidades e que permitirá unha diversificación real que nos permita superar a dependencia que mantemos actualmente do sector servizos”, subliñou a Alcaldesa.

Das catro propostas, tres son de empresas instaladas en Lugo e que buscan o impulso financeiro necesario para poder crecer, e outra é unha compañía empresarial de fóra da cidade, que para entrar no fondo inversor municipal deberá asentarse no concello lucense. Todas teñen en común o seu alto nivel de innovación e investigación en desenvolvementos tecnolóxicos, neste caso vinculados á modernización e mellora do sector alimentario, gandeiro e xurídico.