A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acadou esta mañá o apoio unánime da Corporación á Estratexia Lugo Transforma.
O Pleno Extraordinario celebrado hoxe aprobou a modificación de crédito para posibilitar a incorporación de 12 millóns de euros, procedentes dos remanentes municipais, que o Concello de Lugo destinará a fomentar o emprendemento en sectores estratéxicos, acordes ao modelo de cidade implantado por Lara Méndez.
“Hoxé é un día importante para a cidade de Lugo – valorou a rexedora. A unanimidade alcanzada ao respecto desta iniciativa debería repetirse en máis ocasións, sobre todo cando o que persegue é a transformación da nosa cidade, a través do tecido económico e para resolver a situación de dificultade que estamos a vivir”.
Lara Méndez incidiu na necesidade de ser conscientes “do contexto social de crise no que nos atopamos, pero no que queremos e debemos ser ambiciosos, para adiantarnos ao devir desta pandemia e ver os camiños que nos abre. Eso é o que persegue esta Estratexia: reverter as consecuencias do Covid e aproveitalo para crecer, xerar emprego e paliar o que se está perdendo, porque a mellor política que podemos levar a cabo é a de evitar que moitas persoas sufran unha situación da vulnerabilidade ofrecéndolles unha oportunidade laboral”.
A alcaldesa sinalou que, pese a non ter competencias na materia “dende o Concello de Lugo queremos ser proactivos e reinventarnos nun momento de incertidume donde a iniciativa o é todo, especialmente cando estes fondos contribuirán a fornecer o noso modelo de cidade, sostible, amable e acolledora, á vangarda do país, que non só ten que ser motivo de orgullo para a toda a Coorporación senón tamén de toda a veciñanza”, declarou.
“Para min xa o é, especialmente se penso na pegada que terá no futuro da miña filla, dos nosos fillos e fillas. Eu síntome moi orgullosa de dar este paso, de traballar con esta altura de miras, agardando que eles tamén poidan recoller mañá os froitos desta iniciativa”.
A rexedora lembrou durante a súa intervención que Lugo Transforma é un fondo pioneiro en Galicia, especialmente dentro do ámbito local, co que se pretende impulsar a creación de pequenas e medianas empresas capaces de diversificar o tecido produtivo local, actualmente moi ligado ao sector servizos.
“Un hándicap que cómpre orientar cara outros eidos como a innovación tecnolóxica, a economía verde e circular, as enerxías limpas e sostibles, a bioeconomía, biotecnoloxía, a farmacia, os servizos avanzados á industria e o I+D+I para seguir avanzando na segunda gran transformación de Lugo iniciada en 2015.
A Estratexia Lugo Transforma articularase a través da entrada temporal do Concello en proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental, quedando excluídos o inmobiliario e o financeiro.
A xestión do fondo, que estará aberto á participación doutros investidores, tanto públicos como privados, sacarase a licitación para que se rixa de acordo coa estratexia de investimento exposto na proposta técnica que, neste intre, xa está elaborando o Concello.
“Un proceso que lideraremos en todo momento xa que a aprobación final das decisións que se adopten se supeditarán ao criterio do comité de investimentos que se creará a tal efecto”, sostivo a rexedora que, durante o Pleno e tamén nas Comisións anteriores, trasladou á oposición que a manterá ao tanto dos avances que se vaian dando ao respecto.