Lugo Transforma

Lugo Transforma incorpora a Air Cargo Booking e sitúa á cidade na vangarda da dixitalización do transporte aéreo de mercadorías

A oitava xuntaza de investimentos, celebrado na sede de Norvento, analizou operacións que reforzan a aposta pola innovación e a dixitalización como oportunidade para dinamizadar a economía lcoal.

As propostas estudadas céntranse na mellora de procesos empresariais e na xestión intelixente de edificios e infraestruturas.

O alcalde Miguel Fernández destacou ao remate da xuntanza que “estamos a captar iniciativas que colocan a Lugo na vangarda tecnolóxica e que contribúen a diversificar o tecido produtivo e a crear emprego de calidade”.

Fontes

Gabinete de Prensa

Temas

Economía, Desenvolvemento Local, Emprego

O fondo municipal de investimento Lugo Transforma celebrou hoxe o seu oitavo Comité de Investimentos na sede de Norvento, unha das compañías partícipes da iniciativa. Na reunión avaliáronse dous proxectos innovadores cun volume conxunto superior aos 700.000 euros, a través de operacións que combinan participación en capital social e préstamos participativos convertibles.

O alcalde Miguel Fernández, que presidiu a sesión, explicou que “Lugo está a captar iniciativas que colocan á cidade na vangarda tecnolóxica e que contribúen a diversificar o tecido produtivo e a crear emprego de calidade, avanzando así cara a un modelo económico máis moderno e sostible. Estamos acadando o obxectivo fixado con esta iniciativa de xerar emprego de calidade e fixar poboación ademáis de fornecer o noso tecido produtivo”.

As propostas analizadas pertencen a sectores punteiros como a transformación dixital de procesos empresariais e a aplicación de modelos BIM para a xestión intelixente de edificios e infraestruturas. O rexedor puxo en valor que este tipo de proxectos permiten dar novos pasos na modernización da economía local e engadiu que “apoiar empresas con capacidade de crecemento e internacionalización é a mellor garantía para amentar a emprebilidade estable na cidade”.

Na xuntanza tamén se informou de que as empresas xa participadas por Lugo Transforma crearon ata o momento maís de 30 novos postos de traballo directos en Lugo, consolidando o impacto positivo que esta estratexia municipal está a ter sobre o tecido económico da cidade. Fernández subliñou que “este é un bo exemplo de como a colaboración público-privada pode xerar resultados concretos nun prazo curto de tempo”.

Pola súa parte, Jesús Torres, CEO de Torsa Capital, fixo unha valoración moi positiva da sesión e destacou que o comité foi “moi produtivo, porque permitiu analizar proxectos con gran potencial de crecemento e impacto no tecido económico da cidade”. Subliñou ademais que Lugo Transforma conta cunha canle de entrada moi activa, con propostas de moito interese, e que a vía de traballo aberta permite seleccionar con rigor aquelas iniciativas máis sólidas e aliñadas cos obxectivos do fondo.

Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo O Progreso e Dmanán, ademais da entidade xestora Torsa Capital, que tamén forma parte como participante. Ata o momento incorporáronse 12 empresas ao portfolio, cun volume total de 4,36 millóns de euros investidos en sectores como a biotecnoloxía, a loxística, a intelixencia artificial, a transformación dixital ou a aeronáutica. Ademais, mantívose contacto con 100 proxectos empresariais, dos que 15 permanecen en fase de análise ou seguimento.