Lugo Transforma

Lugo Transforma avalía apoiar a expansión de cinco novas firmas cu financiamento récord de 2,1 millóns de euros

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presidiu o quinto Comité de Investimentos desta estratexia municipal.

Os proxectos abordados pertencen a sectores punteiros como a análise de datos, a formación en liña B2C en materia tecnolóxica ou o desenvolvemento de software de IA para a mellora de procesos produtivos en fábricas.

“Son firmas cun gran potencial polo que o investimento proposto ascende a 2,1 millóns de euros o que supoñería un gran impulso á estratexia. De feito superaría o montante total mobilizado ata o momento que é de 1,9 millóns”, sinalou Alvarellos.

A captación destas empresas, cuxo denominador común é a innovación, xeraría 100 novos postos de traballo directos no municipio ao longo do próximos cinco anos que se sumarían aos 230 previstos nas sete  firmas xa participadas na actualidade.

Fontes

Gabinete de Prensa

Temas

Economía, Desarrollo Local, Empleo

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, vén de presidir o quinto Comité de Investimentos de Lugo Transforma. A esta reunión do fondo de capital risco de inciativa municipal onde se avalía a idoneidade das empresas aspirantes, concorreron cinco novos proxectos de gran proxección que optan a contar con respaldo económico do Concello como recurso para incentivar o seu crecemento e cunha previsión de xerar ao redor de 100 novos postos de traballo no municipio ao longo do próximos cinco anos. Así mesmo, a súa participación en Lugo Transforma  posibilitaría ramificar o tecido produtivo lucense, axudando así a fixar poboación nova e xerar emprego estable e de calidade.

Á esta sesión, que se celebrou na sede de Café Candelas, empresa membro do fondo, presentáronse investimentos por un importe total de 2.100.000 euros. “Tratouse dun comité denso no que se abordaron proxectos de gran envergadura. Mostra diso é o gran investimento proposto que supera os dous millóns de euros, o que significaría un enorme impulso para a estratexia Lugo Trasnforma ao superar o montante total investido nos últimos anos que ascende na actualdidade a 1,9 millóns de euros. Estamos seguros que este posible investimento, de concretarse,  repercutirá de forma moi postiva na capacidade competitiva do noso municipio a medio prazo”, sinalou Alvarellos tras a conclusión do comité, no que ademais os responsables da empresa xestora, Torsa Capital, realizaron un update dun proxecto en seguimento e propuxeron un investimento adicional ao xa efectuado con anterioridade noutra das empresas participadas.

Un dos principais obxectivos desta estratexia municipal é modernizar o sistema produtivo lucense coa captación de empresas de novas tecnoloxías. De feito, os proxectos avaliados nesta sesión teñen a innovación como denominador común xa que pertencen a sectores punteiros nesta materia como a análise de datos, a formación en liña B2C en materia tecnolóxica ou o desenvolvemento de software de IA para a mellora de procesos produtivos en fábricas. Tamén o marketplace de alugueiro de maquinaria industrial e de construción. “O apoio ao emprendemento é un piar fundamental da nosa política de dinamización económica, coa que pretendemos expandir o noso tecido produtivo, xerar emprego de calidade e fixar poboación, avanzando así nun Lugo de oportunidades”, apunto a rexedora.

Ata a data, levanse presentado un total 78 proxectos ao fondo, dos que, ademais dos cinco abordados esta mañá, outros 12 atópanse actualmente en análises e serán tratados en futuros comités. Isto súmase ao investimento xa materializado de 1.910.000 euros nas sete incorporacións xa efectivas (LexDigo, Innogando, InVerbis, Techaway, Boldest, Monkey Markets e DosDog) que xuntas crearán ao redor de 230 postos de traballo directos no municipio.

Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo – que mobilizou 12 millóns de euros – e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candeas, Grupo O Progreso, Dmanán e Torsa Capital que incrementaron o fondo investidor con outro millón de euros adicional.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre o Comité de Investimentos de Lugo Transforma | Descargar mp3