Lugo Transforma

Tres novas empresas innovadoras presentaron os seus proxectos para buscar apoio do Lugo Transforma por valor de 700.000 euros

O financiamento do fondo impulsado pola Alcaldesa no Plan de Recuperación Económica consolidaría unha compañía local e atraería dúas foráneas, creando 80 postos de traballo.

Lara Méndez presidiu o Comité de Investimentos, no que participan as principais compañías e que busca atraer talento e crear riqueza e oportunidades laborais estables e de calidade.

A rexedora destacou o talento dos empresarios, que teñen en común un alto compoñente innovador e de investigación, “acorde co modelo de transformación no que traballamos”.

Fontes

Gabinete de Prensa

Temas

Desenvolvemento social, Desenvolvemento local, Desenvolvemento económico, Economía, Emprego

A alcaldesa lucense, Lara Méndez, presidiu hoxe o segundo Comité de Investimentos do Lugo Transforma, estratexia impulsada polo Concello no marco do Plan de Recuperación Económica da cidade para consolidar e captar empresas e crear emprego sostible a través entrada no seu accionariado para impulsar o seu crecemento.

Ao mesmo presentáronse tres novos proxectos innovadores que buscan financiamento para a súa proxección. De considerarse finalmente a viabilidade das tres novas empresas, o investimento do fondo inversor do Lugo Transforma ascendería a 700.000 euros e suporía a creación de 80 postos de traballo.
Das tres propostas, unha ten xa o seu domicilio social en Lugo, e as outras dous son de A Coruña e Santiago, que deberán de asentarse no concello lucense de entrar no fondo inversor. Todas cumpren os requisitos necesarios ao ser compañías dun alto compoñente innovador e de investigación.

En canto ao sectores no que traballan, unha das empresas aposta pola alimentación animal onde aporta un alto valor engadido aos produtos de proximidade cun modelo sostible de produción; outra céntrase na dixitalización e integración dos procesos para axudar na exportación e importación sen intermediarios co foco na xeración de negocio, e a terceira é unha compañía con base tecnolóxica que identifica, mide e monitoriza o potencial de mellora e operacións de calquera tipo de organización.

Lara Méndez destacou o talento dos empresarios que presentaron as propostas, todas elas en liña do modelo de cidade sostible no que se está a traballar “co fin non só de transformar Lugo desde un punto de vista urbanístico e social, tamén económico, porque con esta estratexia buscamos reter e atraer talento de firmas cun alto grao de innovación, crear riqueza e dar oportunidades laborais para que a mocidade atope en Lugo empregos de calidade”. 

Plan de Recuperación
A estratexia LugoTransforma enmarcarse no plan impulsado pola rexedora en plena pandemia para atraer investimento empresarial e pular pola reindustrialización da cidade e pola creación de emprego estable e de calidade. Para iso, mobilizou un investimento histórico de 12 millóns de euros de recursos municipais para reforzar a transformación económica, e no que participan cun millón de euros máis as empresas Lence, Norvento Enerxía, Grupo El Progreso, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, e Dmanán, así como Torsa Capital, que é, ademais, a xestora do fondo inversor.

A xestora analizará agora as condicións destas propostas empresarias, que de entrar no fondo non só será apoiados con financiamento senón co asesoramento no proceso de consolidación. Ata o momento, foi beneficiada con 300.000 euros do fondo a compañía LexDigo, fundada por Leticia e María Seara, coa que en 2019 implementaron un Software para despachos de avogados e asesores que está a transformar a dixital as oficinas do sector xurídico, atendendo á necesidade de dinamizar a súa xestión e comunicación para propiciar unha imaxe instantánea do día a día e mellorar a fluidez e a transparencia cos seus clientes. Crearán 40 postos de traballo.

Extrapolando resultados de experiencias similares, se agarda que produza unha creación de máis de mil postos de traballo directos e até o triplo de empregos indirectos, xerando un investimento inducido que superará os 60 millóns de euros por parte das empresas neste tempo.